CRTVG

Buscar

A Xunta contabiliza 29 positivos nos colexios e pecha 9 aulas e un centro

Publicado o 16/09/2020 20:41

Os centros e gardarías galegas rexistraron este mércores novos positivos confirmados, que obrigaron a decretar confinamentos a alumnos e docentes e a pechar novas aulas en diferentes puntos do territorio. Un deles rexistrouse na gardaría Casa do Mar, de Marín. Un positivo nunha das traballadoras levou a pechar unha das aulas da escola e a pór en illamento oito dos nenos do grupo, que están á espera de realizar as probas.

En Vigo, segundo confirmou a Consellería de Política Social, decretouse corentena para unha aula da Escola Infantil Lacaba, na Avenida de Europa, despois de detectarse o caso positivo dunha menor do grupo de 2-3 anos. Tal e como se establece no protocolo de seguridade sanitaria, púxose en corentena a todos os nenos desa aula (11 menores) e á súa profesora, á espera dos resultados das probas PCR que se lles realizarán nas próximas horas. No caso de que os resultados dos tests sexan negativos, apuntaron fontes de Política Social, os nenos poderán volver á aula o vindeiro luns.

Outros dous novos positivos rexistrados nun centro de Dodro e nunha escola infantil municipal de Santiago obrigaron a aplicar o protocolo. O primeiro caso refírese a un positivo detectado nun dos escolares, polo que se pechou a escola unitaria do municipio e se puxo en illamento aos seus compañeiros.O centro imparte 4º, 5º e 6º de infantil e conta con 15 nenos matriculados.

Doutra banda, unha nena deu positivo na escola municipal de infantil de Salgueiriños, sobre as 12 do mediodía deste martes. A situación afecta a uns 13 nenos e seis educadoras que foron contactos estreitos da menor.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, confirmou os positivos en coronavirus en dous alumnos, un de Educación Infantil e outro de Educación Primaria, do CEIP Ramón da Sagra detectados este mércores. "Seguindo o protocolo terán que estar en corentena esas dúas liñas educativas", explicou, sen especificar cantos estudantes están nos seus domicilios. O Concello anunciou que nas próximas horas desinfectará o centro educativo tras a petición por parte da dirección do mesmo, segundo explican fontes municipais nunha nota de prensa. Os labores realizaranse en coordinación da Concellaría de Educación coa de Medio Ambiente.

O Goberno galego realizou este mércores, á súa vez, a súa primeira valoración da evolución epidemiolóxica nos centros educativos desde o arranque do curso a pasada semana. En concreto, cifra os contaxios nun total de 29 casos en infantil e primaria en todo o territorio da comunidade desde o reinicio da actividade escolar.

Estes 29 contaxiados confirmados polo Executivo autonómico obrigaron a pechar polo menos 11 unidades nestas instalacións e un centro escolar na súa totalidade. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, matizou, ademais, que preto do 50 por cento dos casos correspóndense con alumnos, nunha proporción similar de afectados o corpo de profesores.

Durante a rolda de prensa trala celebración do comité clínico de expertos, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, insistiu en que este tipo de casos están a saír "en toda España", pero que en Galicia o dato é "relativamente pequeno", tendo en conta o volume de persoas que interactúan cada día nos centros.

Por iso, pediu "pór as cousas en escala" e instou a tratar estas informacións "con moita prudencia e respecto" no marco dun escenario sanitario que "non é de risco cero".

 

Noticias web

16/09/2020