28 anos separan dous liceos de récord
Xúntanse as lendas do Liceo cos xogadores da actualidade. Teñen que común unha marca. Dez partidos gañados en liga de maneira consecutiva. Pasan os anos, pasan os xogadores, pero algo se mantén: "O ADN do Liceo é isto. Por eles. Eles comezaron o camiño. Validaron unha filosofía de club e as directivas que seguiron buscaban iso. Agora nós chegamos nesa evolución 5.0 do Liceo, pero si temos ese ADN e fixámonos moito neles", di Dava Torres.
Do actual equipo, só Carles Grau nacera en 1991. 28 anos despois, a filosofía do Liceo é o único que non cambiou no hóckey.
"Todo se estuda, todo se ve. Antes todo era moi intuitivo. Cambiou moito. No Liceo cambiou relativamente pouco. Segue tendo ese espírito de gañar, quere gañar todos os partidos, non dá un partido por perdido. Iso é o máis importante, que se transmite de equipo en equipo e de xeración en xeración", conta Willy Duarte, xogador do Liceo en 1991.
O club xuntou xogadores de 1991 e do equipo actual nun faladoiro en que se valorou o aumento do número de afeccionados nas bancadas do Palacio dos Deportes de Riazor.
"Para min iso é máis importante que as dez vitorias. Cada día vai máis xente máis fiel a nós. É un gustazo xogar diante de tanta xente. Iso quere dicir que algo estamos facendo ben. A idea é seguir por aí", asegra Juan Copa, adestrador do Deportivo Liceo.
O Deportivo Liceo xogará este sábado na pista do Taradell. Unha vitoria suporía un novo récord.