CRTVG

Buscar

Vinte e sete positivos novos na área de Pontevedra afectada polo gromo detectado en Cambados

Publicado o 27/09/2020 21:55

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés hai 826 casos activos de coronavirus. Dende o sábado contabilizáronse 11 altas e 27 positivos novos.

No Salnés continúa a alerta tras o gromo detectado na empresa Avigal de Cambados, con preto dun cento de contaxios. Durante esta fin de semana a planta estivo pechada e antes de volver á actividade o Sergas deberá verificar que se cumpren os protocolos de seguridade e desinfección. Tamén se farán probas PCR na planta que a Avigal ten en Campañó despois de confirmarse un positivo entre os traballadores.

Os alcaldes da mancomunidade do Salnés pídenlle á Xunta que lles facilite información diaria sobre a evolución da pandemia e póñense á súa disposición para aplicar medidas de restrición en máis concellos se fose necesario. Dende estes municipios fan un chamamento á calma e á responsabiliddae da cidadanía.

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés hai 14 pacientes ingresados nos hospitais e cinco na UCI. Nas últimas 24 horas realizáronse aquí 607 PCR.

Noticias web

27/09/2020