CRTVG

Buscar

27 novos positivos de coronavirus na área de Pontevedra

Publicado o 27/09/2020 13:44

Na área sanitaria de Pontevedra rexístranse 27 casos novos de covid-19 e chegan aos 826. A zona do Salnés mantén a alerta e as precaucións polos contaxios relacionados coa empresa Avigal de Cambados, que permanece pechada. Noutra planta da mesma empresa en Pontevedra farase un cribado con PCR aos traballadores despois de que se rexistrara un positivo.

O Sergas prevé facer nos próximos días probas PCR aos traballadores da planta de Campañó de Avigal, en Pontevedra, despois de confirmar un positivo no cadro de persoal. Unhas probas que tamén se poderían ampliar a outras empresas do sector.

A planta de Avigal en Cambados continúa pechada para intensificar a desinfección despois de que máis de 50 empregados deran positivo na covid-19. Sanidade revisará o protocolo e comprobará o estado das instalacións antes de autorizar a súa reapertura. Dende a empresa mostran a súa vontade de colaboración co Sergas para adaptarse aos novos requisitos. Este gromo, cos casos derivados dos contactos dos traballadores, fixo que esta semana medraran as cifras en distintos municipios da comarca do Salnés.

Na área sanitaria de Pontevedra este domingo suavizouse o ascenso e contabilízanse 27 positivos novos, e suman 826, despois de que once persoas recibiran a alta. Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés hai 14 pacientes ingresados nos hospitais e 5 na UCI. Nas últimas 24 horas realizáronse aquí 607 PCR.

Noticias web

27/09/2020