CRTVG

Buscar

25 restaurantes pechan hoxe en Santiago por iniciativa propia

Publicado o 13/03/2020 19:13

En Santiago, uns 25 restaurantes pecharán esta noite por iniciativa propia. E boa parte dos hostaleiros tamén cren que o peche debería ser total durante unhas semanas. O número de cancelacións é tan alto, que moitos establecementos ven inviable seguir traballando. 

Este restaurante de eventos da zona de Santiago tiña todo montado para unha comida de 80 persoas que acaba de anularse. Nos últimos días as cancelacións son continuas.

"O día 28 faciamos unha cea dos anos 80 con 300 reservas e cancelámola nós por seguridade, hoxe tiñamos un evento de empresa de 80 persoas, cancelado, a finais de mes tiñamos outro evento de 300 persoas cancelado, un bautizo cancelado", di Óscar Corral Brocos, do restaurante Os Robles.
Este local é un dos máis populares do centro de Santiago. Para evitar riscos, deixan mesas baleiras e espacian moito a distancia entre clientes. Pero as reservas caeron en picado.

"Para mañá ao mediodía levo 50 cancelacións, había unha mesa de 14, unha de 12 e unha de 16 canceladas as tres, e unha mesa de 9 tamén cancelada. Neste momento quen está na rúa é por necesidade, porque traballa e vén comer polo menú do día", afirma Jose Avelino Martínez, de O Dezaseis.

Os restaurantes de eventos están agora en temporada baixa, pero terán problemas se a situación se mantén na época de vodas. A situación máis difícil é a dos pequenos negocios.

"Esta tempada sempre temos pouco traballo e é asumible pero estamos comezando a pensar en mandar a xente de vacacións ou pechar temporalmente", incide Óscar Corral.

"Neste momento temos 20 persoas en nómina e xestionar ese cadro de persoal para adaptarnos ás necesidades sen ter información de bonificacións ou axudas sociais é estar ás escuras", di Jose Avelino Martínez.

Este venres acordaron pechar en Santiago uns 25 restaurantes. A maioría dos hostaleiros cren que o peche debería ser xeneralizado e con axudas para o sector.

Noticias web

13/03/2020