CRTVG

Buscar

25-N, día pola eliminación da violencia de xénero: 41 mulleres asasinadas en 2020

Publicado o 25/11/2020 15:44

Hoxe celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Conmemoramos esta data en memoria de tres irmás: María Teresa, Patria e Minerva Mirabal, tres feministas dominicanas que foron asasinadas polo réxime ditatorial do seu país o 25 de novembro de 1960.

Dende entón pasaron xa 60 anos, seis décadas de loita contra a violencia de xénero, seis décadas de avances en materia lexislativa e en concienciación social.

Pese a eses avances, as cifras revelan que en España máis do 13% das mulleres sufriron violencia sexual e que as adolescentes son as que máis sofren a violencia psicolóxica.

Isto demostra, unha vez máis, que a educación é un dos piares para acadar unha sociedade xusta e igualitaria

Acadar unha sociedade libre de machismo pasa ineludiblemente por educar en igualdade, unha materia pendente no sistema educativo, a que para educar en igualdade hai que ter formación en igualdade.

Fademur está formando as súas asociadas para que acompañen a mulleres vítimas de maltrato.

No rural, as mulleres soportan, como media, 20 anos de violencia antes de atreverse a denunciar a súa parella. 

Difícil tamén para as rapazas, que, segundo a macroenquisa do 2019, é o grupo de idade que máis sofre o maltrato psicolóxico.

11% das mulleres españolas recoñece que sufriu violencia física da parella ou exparella nalgún momento da súa vida.

As pricipais institucións participan neste 25-N

As institucións sumáronse ás reivindicacións contra a violencia machista. Houbo minutos de silencio ao mediodía en case todas.

Ao longo do país e do estado, centos de actos honran e fan memoria das 1.074 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas, corenta e unha no que vai de ano.

Vítimas tamén da violencia machista son os 37 nenos asasinados para facerlles dano a elas e os 301 orfos.

Difícil que hoxe se repitan manifestacións multitudinarias doutros anos, aínda que os colectivos feministas manteñen varias convocatorias.

No Congreso, participaron no acto todos os grupos parlamentarios excepto Vox, que convocou outro alternativo pedindo a eliminación da Lei contra a Violencia de Xénero. 

Minuto de silencio tamén no Ministero de Igualdade. Despois, no acto institucional, a ministra Irene Montero rompeu a chorar apelando á unidade do feminismo.

"Non digo estas palabras con inxenuidade, dígoas como unha declaración de intencións. Este é o ministerio de todas as mulleres, de todas. Existe grazas ao movemento feminista e é unha man que se suma ás mans de millóns de mulleres", dixo Montero.

Minuto de silencio na Xunta de Galicia

En Galicia a Xunta sumouse aos actos para condenar a violencia machista, cun minuto de silencio en San Caetano, no que participaron o presidente da Xunta, os conselleiros e conselleiras e outros cargos do Goberno galego.

Noticias web

25/11/2020