CRTVG

Buscar

25 detidos nunha operación contra o narcotráfico e a inmigración ilegal

Publicado o 25/10/2019 12:44
25 detidos nunha operación contra o narcotráfico e a inmigración ilegal

A operación contra o tráfico de drogas e de inmigrantes que se iniciou esta madrugada en Ceuta esténdese a outros lugares, como Alxeciras (Cádiz) e Málaga, e supuxo xa a detención de 25 persoas en doce localidades, segundo informaron fontes próximas á investigación.

Os axentes despregáronse desde as 5,00 horas deste venres en distintas zonas de Ceuta, principalmente nas barriadas de Pasaje Recreo, Recinto Sur, Príncipe e Cortadura del Valle así como en Alxeciras e Málaga.

Na operación, chamada Perla-Costa, efectuáronse 27 rexistros en Ceuta, catro en Manilva, tres en  Estepona, tres en Alxeciras, dous en San Roque, dous en La Línea de la Concepción, dous en Los Barrios e un en Marbella, Benalup, Mijas, Fuengirola e Torremolinos.

En total detívose xa a 25 persoas relacionadas cos feitos investigados e a operación permanece aberta.

Nos rexistros interviñeron máis de 500 efectivos das Comandancias de Málaga, Ceuta e Alxeciras, así como das unidades do Grupo de Acción Rápida (GAR), Grupos de Reserva e Seguridade (GRS), Organismo de Coordinación do Narcotráfico (OCON), Servizo Marítimo e Servizo Aéreo.

A operación é o resultado de varios meses de investigación da Garda Civil sobre organizacións asentadas nestes lugares próximos ao Estreito de Xibraltar e supón a continuación dunha na que se incautaron once alixos diferentes que sumaron máis de 6.000 quilos de haxix, segundo as fontes.

A esta organización atribúeselle a introdución de máis de 250 inmigrantes mediante o emprego de embarcacións semirríxidas, coas que tamén traficaban coa droga, feitos polos que foron detidas anteriormente outras dezaoito persoas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí