CRTVG

Buscar

25 anos da ovella Dolly, primeiro mamífero clonado e revolución da bioloxía

Publicado o 05/07/2021 21:15

Unha ovella, unha revolución. 

Dolly naceu o 5 de xullo de 1996, pero non a presentaron ata sete meses despois. Era o primeiro mamífero clonado a partir de células adultas. Demostraba que calquera célula contén toda a información necesaria para que se desenvolva outro animal.

Antes do éxito houbo 277 intentos errados. Era unha técnica ideada en Edimburgo. Habería que agardar 21 anos para que A China clonara uns macacos empregando esa mesma técnica, tan complicado é o proceso.

Dolly naceu de células mamarias que estaban nun laboratorio. Unha segunda ovella doou o seu óvulo e outra prestou o seu útero. E a propia Dolly, en 1998, pareu de forma natural a súa primeira cría, e tivo máis. Morreu en 2003.

A ovella abriu fondo debate. Pero, aínda que espertou os temores da clonación humana, iso segue moi lonxe de ser unha realidade: a técnica ten unha eficacia moi escasa, de só o 1 por cento, "algo impensable e eticamente inaceptable en persoas", como sinalan dende o CSIC.

Pero dende Dolly multiplicouse o noso coñecemento da bioloxía. Nestes 25 anos a clonación e a edición xenética revolucionaron a ciencia. Pódese cambiar o ADN de animais, plantas e microorganismos con gran precisión, o que contribuíu a desenvolver novas terapias e poderá permitir lograr plantas máis resistentes a secas e pragas.

Pero a edición do xenoma esconde o perigo de que se use para a mellora humana.
 

Noticias web

05/07/2021