CRTVG

Buscar

Galicia suma 241 mortos co menor incremento de contaxios en 15 días

Publicado o 06/04/2020 12:45

• Nas últimas 24 horas houbo 167 novos casos

• 657 maiores e 232 traballadores con coronavirus nas residencias de Galicia

199 persoas con coronavirus faleceron nos hospitais galegos que, sumadas aos 42 falecementos rexistrados nas residencias de maiores, sitúa a cifra de mortos en Galicia en 241 persoas na comunidade.

O número de persoas contaxiadas é de 5.342, co que en 24 horas houbo 167 casos novos. Trátase do menor incremento de contaxios nos últimos 15 días. Ademais, 610 pacientes recibiron a alta.

Segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública, dos pacientes que deron positivo 1.081 son da área de Vigo, 1.071, da área da Coruña; 992, da de Ourense; 871, da de Santiago; 563, da de Lugo; 457, da de Pontevedra, e 307, da de Ferrol. 

Do total de pacientes positivos, 168 están na UCI, un menos ca onte. En unidades de hospitalización permanecen 939 persoas, 46 máis ca na xornada anterior. Outras 4.235 persoas contaxiadas están no seu domicilio.

O número de probas PCR realizadas é de 30.002.