CRTVG

Buscar

24 trens están hoxe afectados polas obras da estación de Ourense

Publicado o 07/10/2019 14:03

Unha vintena de trens está hoxe afectada polas obras da alta velocidade na estación de Ourense. A alternativa para os pasaxeiros é realizar parte do traxecto en autobús. Unha medida que os afectados toman con resignación, á espera de que as obras melloren, canto antes, o servizo ferroviario.

Pivotes de quita e pon, valados de obra, desvíos, zonas acoutadas... e liñas vermellas nas pantallas informativas. É o panorama que atopan os usuarios da estación central de tren en Ourense polas obras: as da alta velocidade, na zona de vías, e as do aparcadoiro subterráneo, no exterior, onde estacionan os autobuses que substitúen os trens afectados.

"Veño con dúas maletas e é un pouco complicado, porque aínda teño que facer outro transbordo. Primeiro no bus, despois no tren, transbordo... É lioso", comenta unha moza.

Hoxe hai 24 trens afectados: os que comunican Galicia coa meseta e algún rexional e de media distancia. É o caso destes pasaxeiros que viñeron desde Monforte en autobús: "É un pouco fastidio vir en bus pero creo que é polos arranxos da vía, así que mal non me parece". "Atraseime 20 minutos, pero nada. Hai xente que lle afectou máis porque tiñan que chegar media hora antes, unha hora antes...".

En autobús chegaron tamén, desde Vigo, os pasaxeiros do Intercity cara a Bilbao, que tiveron que arrastrar maletas desde a explanada exterior ata a plataforma correspondente. Iso si, con bo humor e resignación: "Prefería vir en tren, máis cómoda que en autobús, pero bueno, é o que hai". "Imaxino que será porque pasou algo. Se non hai outro remedio, pois faise, non pasa nada". "Se é por obras, pois mira, sen inconvintes. Se é por aforrar, non me parece ben, claro". "Viñemos o venres xa en autobús, e xa sabiamos que había que volver. Pero non hai problema ningún". "Ben, vin durmindo todo o camiño, así que, guai".

O mércores restablécese a normalidade no tráfico ferroviario, pero mañá aínda haberá 12 convois afectados, entre outros, os avant e os alvia nos traxectos entre Ourense e Santiago.

Noticias web

07/10/2019