CRTVG

Buscar

24 horas para a fin da negociación e os traballadores de Alcoa advirten: "Estamos dispostos a volver á rúa"

Publicado o 29/04/2021 11:03

A mesa de seguimento do proceso para a venda da fábrica de aluminio de Alcoa en San Cibrao volverá reunirse a primeira hora da tarde deste xoves, por vía telemática, para aclarar en que situación se atopan neste momento as negociacións, só 24 horas antes de expire o prazo que se deron a empresa e o comité para buscar unha solución.

O propio comité de empresa informou de que esa mesa de seguimento reunirase a partir das 15:00 horas deste xoves -día 29 de abril-, cando a "paz social" á que chegaron os traballadores con Alcoa para facilitar o proceso de venda terminaría mañá venres.

As negociacións entre a multinacional estadounidense e a sociedade estatal de participacións industriais (SEPI) seguen estancadas, co obstáculo da petición de indemnidade ante eventuais reclamacións xudiciais que expón Alcoa e as dúbidas sobre a viabilidade do comprador privado ao que despois se transferiría a fábrica.

Neste contexto, este mércores transcendeu que a Avogacía do Estado farase parte, para defender os intereses do Ministerio de Industria, na causa penal que se segue pola venda das que eran factorías de Alcoa na Coruña e Avilés.  

Á espera de que se celebre esa reunión, o comité recoñeceu que o "Ministerio de Industria segue sen dar noticias", polo que xa avisa de que, se o proceso non chega a bo porto, "haberá que pedirlles responsabilidades ao Goberno e ao Partido Socialista".

"Falta que o compromiso demostrado polos traballadores sexa correspondido pola ministra e polo secretario de Industria", dixo o presidente do comité, José Antonio Zan, quen opina que "non pode ser que sexa agora un Goberno o que peche unha fábrica".

Zan lembrou que a "a SEPI ía chegar a un acordo con Alcoa e despois venderlle a fábrica a un terceiro". "Quen sexa o terceiro, a nós dános igual. Que o cumpran", subliñou.

Así mesmo, asegurou que os traballadores están dispostos a volver de novo "á rúa" para "loitar con uñas e dentes" polos postos de traballo e por unha solución industrial que "sexa viable" e garanta o mantemento da produción de aluminio. 

O Conselleiro de Economía recoñece que están nun momento de desilusión e pídelle ao Goberno central e á empresa que volvan á senda do diálogo para acadar unha solución.