23 intentos de suicidio neste ano en Teo; a Policía Local avisa: o problema vai a máis
Membros da Policía Local e de Protección Civil do concello coruñés de Teo interviñeron o sábado ante unha tentativa de suicidio en que a súa acción coa dos sanitarios logrou un final feliz. O seu traballo empezou coa localización da persoa, unha moza, que pasaba por un momento psicolóxico complicado.
Ignacio Orge, xefe accidental da Policía Local de Teo, conta que "nun primeiro momento nun bosque chamou a un familiar para advertilo da súa intención. Localizámolo, falamos con ela ata convencela para levala ao seu domicilio. Unha vez alí, en canto chegou o persoal médico volveu entrar en crise de ansiedade e aproveitou que estaba a ventá aberta para tirarse e empuxouse con medio corpo cara ao baleiro. Nese momento, de inmediato, suxeitárona un compañeiro da Policía Local mais outro de Protección Civil e logramos retirala para dentro de xeito inminente".
Este Policía Local, que atende un concello duns 20.000 habitantes, leva este ano máis de 50 intervencións ante casos de persoas con problemas psicolóxicos.
Engade Orge: "Levamos vinte e tres casos de intentos de suicidio, dos que tres foron consumados por aforcamento. Si notamos bastante aumento, non sabemos a que é debido, pero creo que a pandemia ten moito que ver".
Para eles, ese tipo de intervencións son das máis delicadas: "Sempre tes que valorar un pouquiño e de xeito superrápido cal é a mellor maneira de intervir", sinala o xefe da Policía Local de Teo, que lembra que unha boa medida de prevención está en pedir axuda profesional para atender o estado de turbación propio ou de alguén próximo que o sofre.