CRTVG

Buscar

22 anos do asasinato que marcou o declive de ETA

Publicado o 11/07/2019 16:06

Nove días despois da liberación de José Antonio Ortega Lara, ETA recruaba a súa estratexia ao secuestrar a Miguel Ángel Blanco, de 29 anos, cando se dirixía ao seu traballo. O comando Donosti fixaba aquel 10 de xullo un prazo de 48 horas para que o Goberno trasladase os presos de ETA ao País Vasco. De non ser así, matarían o concelleiro popular de Ermua.

Inmediatamente as forzas de seguridade comezaban a súa busca, e nacía tamén unha resposta cidadá sen precedentes, que acompañou a familia Blanco, natural de Ourense, durante ese prazo agónico. Dende Ermua ata Xunqueira de Espadanedo pasando por Bilbao, que acolleu a maior manifestación da súa historia con medio millón de persoas que lle esixiron a ETA a liberación de Miguel Ángel.

Pero a banda terrorista cumpriu a súa ameaza, e o 12 de xullo, ás cinco menos vinte, aparecía o corpo dun home tiroteado en Lasarte.

Durante doce horas, Miguel Ángel Blanco debateuse entre a vida a e a morte, ata que o 13 de xullo se converteu na vítima 778 de ETA, pero marcou un punto de inflexión e o inicio do declive da banda terrorista. O estupor e a rabia da sociedade tivo a resposta nas rúas: case seis millóns de persoas manifestáronse en toda España para plantarlle cara a ETA, que cesaría a actividade armada en 2011. Os asasinos de Blanco, Txapote e Amaia foron condenados a 50 anos de cárcere.

Os restos mortais de Miguel Ángel descansan no cemiterio de Faramontaos, na Merca, a onde os seus pais quixeron trasladalos no décimo aniversario do asasinato que marcou a maior reacción da sociedade contra ETA.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/07/2019