218 concellos sen casos novos de covid nos últimos 14 días; só 9 superan os 10 contaxios
Os casos de covid detectados en Galicia, un goteo cada vez máis lento, parecen ter preferencia polas áreas máis urbanas. A Coruña é a cidade con máis novos positivos nos últimos 14 días. Tamén superan os dez casos nos concellos veciños de Cambre e Culleredo.
Santiago e outro concello da súa área metropolitana -Ames-, sumaron 30 casos en total en medio mes. Pontevedra, 11. En Vigo cidade sumaron 50 casos en dúas semanas. E en 14 días houbo 13 casos en Ourense cidade e 15 no Barco de Valdeorras.
Entre os nove municipios, acaparan o 42 % dos novos casos no último ciclo da epidemia. Mentres, en dous terzos de Galicia, 218 concellos en total, o virus deixou de circular.
"Os datos que temos son fracamente bos. A tendencia tamén é boa. No caso de Galicia, somos a comunidade que temos menor incidencia nos últimos 14 días", di Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago.
Explica o profesor que tanto as proxeccións da incidencia a sete como a porcentaxe de positividade indican que a melloría vai continuar. E son a consecuencia da vacinación masiva, que varreu a covid en boa parte do territorio.
"Esas persoas que pola razón que fose non se vacinaron por completo ou aínda non recibiron ningunha dose, pois que acudan e se vacinen, porque claramente hai un efecto moi positivo".
Agora, di o experto, é o momento de detectar os casos puntuais que vaian xurdindo e cortar rapidamente as cadeas de transmisión.