CRTVG

Buscar

Vinte e un mortos por covid-19 en Galicia, a cifra máis alta da segunda vaga

Publicado o 03/11/2020 08:07

Cifra récord de mortos por coronavirus en Galicia. Onte notificáronse 21 falecidos, a metade deles en residencias de maiores. Frea a repunta de contaxios, pero é preocupante o incremento da presión hospitalaria. 

Nas últimas vinte e catro horas diagnosticáronse preto de 600 novos positivos en Galicia. O total de casos activos achégase aos 9.300. Preocupa especialmente o aumento da presión hospitalaria. No último mes, o número de ingresados, tanto en UCI coma noutras unidades de hospitalización, practicamente se dobrou. Alcanza o medio millar. Dos 523 ingresados, 77 están en unidades de críticos.

Desde o inicio da pandemia faleceron 923 persoas en Galicia; 21 só onte, a cifra máis alta desta segunda vaga. Seis deses falecidos eran da área sanitaria de Vigo, que é a que ten máis casos activos, 2.000. Quince concellos desa área están en alerta vermella. Con todo, segundo o alcalde, a positividade reduciuse na cidade e na súa área metropolitana.

Abel Caballero. Alcalde de Vigo: "É posible que estea habendo unha lixeira caída do número de contaxios, pero seguen sendo moi altos. E, por tanto, toda a prudencia".

Respecto á incidencia a sete e catorce días, a área sanitaria que peor evoluciona é a de Ferrol, seguida da de Vigo, Santiago e Pontevedra. A área da Coruña é a que ten máis hospitalizados por covid−19. Soporta unha incidencia de contaxios semellante á de Lugo.

Ramón Ares. Xerente da área sanitaria de Lugo: "É a tendencia que vimos observando desde a última semana, é preocupante polo incremento do número de casos, en Lugo cidade, que é onde máis poboación temos, pero tamén espallados por distintos puntos da provincia".

Nas últimas horas, catro concellos máis entraron en alerta vermella: Gondomar, Ordes, Boqueixón e Xinzo de Limia. Xa son 51 os municipios que están no nivel máximo de alerta.

Noticias web

03/11/2020