CRTVG

Buscar

'21 días co galego', normalizar o uso do idioma dentro e fóra das aulas

Publicado o 13/01/2020 15:14

Pode unha persoa sentirse plenamente galega falando sempre en castelán? Con esta pregunta formulada por unha alumna de segundo de bacharelato comezaba o programa '21 días co galego e máis'.

Vinte e un días é o tempo de práctica que necesita unha persoa para adquirir un hábito, segundo estudos psicolóxicos. Por iso a profesora Pilar Ponte organizou actividades lectivas e de ocio para tres semanas, en que alumnos do instituto da Pobra do Caramiñal tiñan que falar galego. Foi hai trece anos, cando naceu o programa. O curso pasado, da man da Xunta, ampliouse a tres centros máis, e este ano participan dez. O obxectivo é dinamizar o uso da lingua para que deixe de perder falantes.

"Temos garantido un peso específico moi elevado, unha protección mo elevada para o galego, pero é cando chegan ao patio cando fan máis uso do castelán", cre Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

"O galego non pode ser só unha materia, iso é unha cousa museística", asegura Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

Ata o 3 de febreiro, os preto de 4.000 rapaces que participan no programa terán que enfrontarse a retos, facer enquisas, xogos e reflexións sobre a o uso da lingua.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/01/2020