CRTVG

Buscar

206 falecementos en Galicia e case 5.000 infectados

Publicado o 04/04/2020 21:49

As últimas cifras de vítimas mortais en Galicia elevan o total a 206 falecementos: Nas últimas horas 15 deles producíronse nos hospitais e 5 nas residencias de anciáns. De novo, o maior número de mortes produciuse na área sanitaria da Coruña, onde se rexistran en total 49. As últimas vítimas son dous homes e catro mulleres.

En Ferrol, unha das áreas sanitarias que menos casos rexistraba con 10 falecementos, morreron dúas persoas máis hoxe: un home de 64 e unha muller de 66.

En Vigo, un nova morte no Álvaro Cunqueiro e dúas en Povisa eleva a 35 os falecementos.

Ourense rexistrou nas últimas horas tres mortes no hospital da cidade: unha muller de 84 anos outra de 55 e un home de 94. E unha morte máis no hospital do Barco de Valdeorras, dunha muller de 82 anos.

En total, desde hai tres semanas que se rexistrou a primeira morte, en Galicia faleceron 174 persoas nos hospitais e 32 en residencias de maiores.

En canto á cifra de infectados, Galicia ten nestes momentos 4.926 casos e 531 persoas recibiron a alta despois de pasaren a enfermidade. Case un cento destas altas produíronse de onte para hoxe, o que indica a recuperación dos primeiros casos detectados.
O número de positivos continúa en ascenso a medida que aumenta o número de probas feitas. Segundo os datos da Consellería de Sanidade na última semana fixéronse case 16.000 tests ata acadar máis de 25.800.
En canto á gravidade dos casos, 177 persoas permanecen nas unidades de coidados intensivos, 67 máis das que había a semana pasada. 891 están hospitalizados en planta, e 3.858 no seu domicilio. Desde o sábado pasado duplicáronse estes casos menos graves.

Por áreas, na última actualización o número de casos na Coruña é de 1.029, 283 en Ferrol, 558 en Lugo, 694 en Santiago, 1055 en Vigo, 432 na de Pontevedra e 875 en Ourense, a provincia con máis casos activos por habitante.
 

Noticias web

04/04/2020