CRTVG

Buscar

Comeza a operación Baluarte de rastrexo militar contra a covid-19

Publicado o 28/09/2020 08:44

A denominada operación Baluarte do Exército comeza a loitar de xeito efectivo contra a covid-19 en labores de rastrexo. Un total de 2.000 militares dos tres Exércitos e da UME están xa a disposición das distintas comunidades autónomas. En Galicia, son 205 os implicados nos labores de pescuda, con maioría de efectivos da Brilat, que é a que ten o mando no rastrexo, non só na nosa terra senón tamén en Asturias.

Así comeza o labor de busca dos contactos dos casos positivos. "Nós temos un número, a ese número chamamos e dicímoslle: "Mire, vostede é positivo. Pode dicirnos todos os contactos que tivo desde a PCR e 48 horas antes?". Eles xa nos van dicindo: "Nós movémonos no ámbito familiar, onte saín a un bar e quitei a máscara e estiven con tal e tal". Entón tennos que proporcionar todos eses datos para poñernos nós en contacto coas persoas e proceder ao illamento", sinala unha militar integrada na operación Baluarte.

A partir deste luns traballarán en tres quendas, desde as nove da mañá ata as dez da noite os sete días da semana. Atrás queda un período de formación en que se dispensaron coñecementos sanitarios relacionados coa covid−19 e habilidades de comunicación e de psicoloxía. 

"Si, nós tamén estamos para tranquilizar a xente e tentar que estean menos tensos e confíen en nós, que ao cabo o que facemos é para axudar as persoas", comenta outro militar.

En Galicia formáronse tres equipos: o principal na Brilat de Pontevedra e outros dous na Escola Naval de Marín e no Arsenal de Ferrol. Desde mañá actuarán en estreita colaboración cos rastrexadores do Sergas.

Noticias web

28/09/2020