CRTVG

Buscar

205 militares poderán incorporarse aos labores de rastrexo a partir do luns

Publicado o 24/09/2020 15:38

Os rastrexadores do exército ultiman a súa formación para empezar a actuar xa en Galicia. O seu papel é localizar os contactos estreitos das persoas que dean positivo nas probas para detectar o virus.

É a última quenda de formación no control da Covid. A maioría son persoal sanitario con experiencia en pandemia. Comezarán a traballar o luns. E deben facelo con tino, como explica o xeneral xefe da Brilat.

"Hai que xestionar o estrés, hai que empatizar, hai que ter coñecemento de aspectos legais, a confidencialidade e, por suposto, a sanidade. Que síntomas presenta, que non presenta", di Luis Cortés.

Falarán por teléfono con contactos estreitos de positivos. E deben convencelos da importancia que ten que se confinen para cortar a cadea de contaxios. Coordinados coa Xunta, apoiarán o traballo do Sergas.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, avanza: "A media de contactos identificados en cada caso mantense na media nacional. É dicir, parece que os labores de rastrexo non están mal dirixidas nin mal orientadas".

En total, en Galicia operarán por quendas 205 militares. O delegado do Goberno avanzou que se é preciso, o operativo poden ampliar o operativo.

"A Xunta pediu este número de rastrexadores e o que fixemos é esa formación básica que temos para toda España adecuala ás necesidades de toda España e aos obxectivos do Sergas", dixo Javier Losada.

Repartiranse en tres bases: na Brilat, na Escola Naval Militar de Marín e no Arsenal de Ferrol.




 

Noticias web

24/09/2020