CRTVG

Buscar

2020, o ano do coronavirus, é o de menos mortes nas estradas de Galicia

Publicado o 25/01/2021 11:44
2020, o ano do coronavirus, é o de menos mortes nas estradas de Galicia

O 2020, o ano da covid que obrigou a unha redución importante da mobilidade viaria, é o de menor número de vítimas mortais en accidentes de tráfico nas estradas interurbanas de Galicia desde que existen rexistros, informa este luns a Delegación do Goberno na comunidade.

Entre xaneiro e decembro do ano pasado morreron nas estradas galegas 70 persoas, 18 menos ca o ano 2019, e foi a provincia da Coruña a que rexistrou un maior descenso, que alcanzou o 36 %.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, detallou esta mañá que hai dez anos a cifra de falecidos chegou a 179 e no 2000, a 473 persoas que morreron nas estradas galegas.

Os maiores descensos o ano da pandemia da covid e do confinamento domiciliario déronse no acceso ás cidades, mentres que a circulación interprovincial viuse menos afectada, e houbo reducións significativas no número total de accidentes rexistrados con vítimas, accidentes mortais e feridos.

Así, nas vías interurbanas rexistráronse o ano pasado 2.020 accidentes con vítimas, un 26 % menos ca o ano anterior (2.783 accidentes), dos que 67 foron accidentes con falecidos, un 19 % menos que en 2019 (83 accidentes mortais).

En canto aos feridos, os sinistros na estrada ocasionaron 327 feridos graves (19 % menos que en 2019) e 2.589 feridos leves (32,2% menos que o ano anterior).

Por provincias, o maior descenso deuse na provincia da Coruña, cunha diminución da sinistralidade mortal do 36 %, seguida de Lugo. Pola súa banda, Pontevedra rexistrou a mesma sinistralidade mortal que o ano anterior mentres que Ourense sumou unha vítima mortal ás cifras de 2019.

En canto á tipoloxía de accidentes, o 88,5 % dos accidentes mortais de 2020 ocorreu en vías convencionais, case a metade por saídas de vía, seguido das colisións.

Os atropelos reducíronse de maneira importante, con seis accidentes mortais fronte aos 21 do ano anterior, un 70 % menos.

Sobre a idade, en 2020 rexistrouse un descenso significativo na franxa de idade superior aos 55 anos; así, en 2019 houbo 36 vítimas superiores aos 55 anos, 24 de máis de 65 anos; e en 2020 as vítimas destas idades diminuíron ata 25 falecidos, un 30 % menos.

A maior incidencia produciuse nos maiores de 35 ata 54 anos, cun 35,7 % dos falecidos na estrada.