CRTVG

Buscar

200 veciños de Ourense, afectados por un niño de avespas velutinas

Publicado o 01/07/2020 14:06

Arredor de 200 veciños viven na urbanización ourensá denominada Praza Cincocentos, e desde hai dous meses sumóuselles un novo inquilino. A velutina instalou o seu niño nunha cornixa e alterou as rutinas dos veciños.

En dous meses, levan 4 niños instalados: retíranos, pero vólvenos construír. O último leva dúas semanas e din os veciños que se ve crecer cada día.

Son obreiras incansables. Mentres gravamos o seu último niño, elas seguen traballando, engadindo estancias á súa residencia, que non para de crecer para desesperación dos seus veciños humanos, que volveron, din, ao confinamento.

"Estamos case confinados, como na corentena da COVID, case non podemos abrir as ventás. O meu pai é persoa de risco, case non podemos saír á rúa por medo ás picaduras", dinos unha veciña. "Eu, á parte de medo, son persoal de risco. Non saio á rúa apenas".

En plena vaga de calor, apenas poden abrir as ventás. As avespas cóanse nas casas á mínima oportunidade: "Eu son alérxica aos bechos e teño medo, moito medo", coméntanos outra veciña desde a súa casa.

O niño está a uns quince metros de altura, e os bombeiros non dispoñen, segundo lles dixeron, de medios para quitalo: "A pesar de chamar a varios organismos, ninguén nos fai caso, pasan a pelota duns a outros. Dinnos que os bombeiros teñen o coche de altura estropeado, así que non hai maneira de sacalo".

Este é o cuarto niño que constrúen en dous meses. Moitas pereceron polo camiño, pero as supervivintes retomaron as obras: "Viñeron ás 22 horas sacalo. Ao día seguinte fixeron outro. Chamou a veciña do terceiro a protección civil, viñeron os da Xunta ao mediodía, botáronlle o veleno coa pértiga e dixeron que así xa morrían e nada. Aos dous ou tres días volvía haber abellas e volveron vir...", explica un veciño.

 "Máis ben había que vir sobre as dúas ou as tres da mañá, apagar as luces e sacalas, porque así poden coller a raíña dentro porque, se non sacan a raíña, estamos no mesmo problema", engade outro.

Preto de 200 veciños viven nesta urbanización. Piden que lles retiren o niño en condicións para que non o reconstrúan e poder, ao fin, saír do confinamento.

Noticias web

01/07/2020