CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

200.000 estudantes comezan a ESO, o bacharelato e a FP

Publicado o 15/09/2017 14:08

Volve o rebumbio aos corredores dos centros. Case 150.000 alumnos comezan o curso na ESO, no bacharelato e nas ensinanzas de réxime especial. Na Formación Profesional calcúlase que estuden outros 50.000, se ben o prazo de matrícula aínda non se pechou. No Instituto Frei Martín Sarmiento o primeiro día é día de presentacións e de advertencias... "Avisáronnos de que non podes usar o móbil agás para escoitar música e tamén nos alertaron sobre o acoso", di unha moza. "Hoxe dixéronnos que hai que manexar con coidado as redes sociais para non ter problemas", comenta outra.

Repártense as axendas, resólvense dúbidas sobre o transporte ou sobre os libros de texto... e tamén se fan fotografías. Os que veñen con máis incerteza son os de primeiro da ESO. "Agardo que sexa máis duro, ter máis deberes e estudar bastante", prevé un rapaz.

Os de terceiro comezan con informática, que imparte a súa titora. Neste centro impártense catro ciclos formativos: a rama de electricidadade, de mecanización, sanitaria e peiteado e estética. En total hai matriculados 1.200 mozos. "Nós temos unha matrícula alta e os ciclos formativos están completos. Si que notamos desde hai anos un aumento de xente que se matricula para completar formación ou porque non ten traballo", afirma David Alvariño, director do IES Frei Martín Sarmiento.

En Galicia hai 30.277 profesores. Os sindicatos din que hai máis de 3.600 interinos e que un de cada catro docentes dará materias que non da súa especialidade. A Consellería afirma que a taxa de interinidade é a máis baixa de toda España e que hai un mestre por cada 10 alumnos, a mellor proporción do país.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí