20 anos da traxedia de Castelo de Paiva: 59 falecidos ao caer ao Douro
Un día coma hoxe de fai 20 anos iniciábase en Portugal a busca desesperada de 59 persoas que caeran ao río Douro despois do colapso da ponte de Castelo de Paiva. Faleceron todos e a dor na vila aínda perdura, sobre todo porque a maioría dos corpos nunca foron recuperados.
É unha das maiores catástrofes da historia recente de Portugal que marcou para sempre as vilas de Castelo de Paiva a este lado da ponte, e Entre-Os-Ríos. Morreron 59 persoas e 36 continúan desaparecidas. A ponte colapsou no momento en que cruzaban dous turismos e un autobús cheo de veciños que volvían dunha excursión.
O río Douro arrastrou as 59 persoas ata a súa desembocadura no Porto, a 50 quilómetros. A traxedia foi tal que horrorizou tamén a Galicia, algúns dos cadáveres foron atopados na costa de Camariñas, días despois, levados polas correntes que tamén os trasportou mesmo ata a costa de Francia.
A conmoción en Castelo de Paiva, un municipio que non chegaba aos 20.000 habitantes daquela, era inmensa porque case todos tiñan algún familiar ou coñecido nese autobús que regresaba dunha excursión para ver as amendoeiras en flor tan coñecidos nesta da zona.
A medida que avanzaban os días a desesperación era maior porque os corpos non aparecían e temíase o peor, que o Douro os arrastrara ata o mar. O suceso iniciou unha busca sen precedentes en Portugal e o ministro de Infraestruturas dimitiu ao momento, pero ninguén foi culpado nos tribunais pola traxedia.
20 anos despois familiares e amigos lembran no monumento memorial algo que realmente non dan esquecido. Felicidade perdeu a súa nai e seu irmán, que non apareceron. Di que agora ve todo con máis claridade e a emoción é máis forte. Na ponte reconstruída Manuel e Hilda guindan dúas flores ao Douro en recordo das 4 persoas que perderon, entre elas o seu fillo. Un xeito de deixar marchar a tristeza que repiten cada ano.
Poucos días despois empezaron a aparecer corpos na Costa da Morte, a uns 200 quilómetros do lugar do accidente. Os dous primeiros atopáronse o 7 de marzo en Fisterra. Eran os cadáveres de dúas mulleres, que inicialmente se confundiron con mariscadoras, ata que comezaron a chegar tamén restos do autobús.
O dispositivo de rastrexo establecido estendeuse desde entón a toda a costa atlántica. Barcos, helicópteros e voluntarios desde terra participaron na busca.
O día seguinte, o 8, un veciño de Camariñas localizaba o cadáver doutra muller na praia, e horas máis tarde un percebeiro de Muxía alertaba de que había otra morta detrás do espigón.
O quinto corpo apareceu o día 9 tamén en Camariñas e esa mesma xornada rescataron o sexto en Cee. Días despois chegou o último, o sétimo. Apareceu aínda máis lonxe, en Punta Candieira, Cedeira, polo que se volveu ampliar o dispositivo, pero en augas galegas xa non se atoparon máis cadáveres.