CRTVG

Buscar

20 anos da Liga do Dépor: "O gol máis importante da miña vida"

Publicado o 19/05/2020 09:33

Esta é unha semana diferente para a familia do Deportivo, para todo o deportivismo. O 19 de maio do ano 2000, hai 20 anos, os coruñeses gañaban o título nacional de liga, unha fazaña ao alcance dun puñado de equipos españois. Maio do ano 2000.

No derradeiro partido da temporada, o Dépor recibía o Español co título en xogo. Unha cabezada de Donato abría a lata para os coruñeses. Minutos máis tarde Makaay sentenciaba e outorgáballe a ansiada liga ao Deportivo. O brasileiro emociónase lembrando aqueles momentos: "É imposible esquecer aquel 19 de maio. Lembro que antes do partido estaba tenso e pensativo. Todos tiñamos na cabeza o que pasara seis anos antes —o penalti de Djukic—, pero neste partido estabamos moi mentalizados. Era a nosa oportunidade".

Donato lémbrase especialmente do seu gol nos minutos iniciais do encontro. Foi un gol vital para abrir a lata a darlle confianza aos deportivistas. "Lembro que o día antes do partido Víctor e mais eu quedamos no campo despois do adestramento. El botaba os córners e eu cabeceaba ao primeiro pau. O día seguinte, no partido, saíunos sen pensar".

"Foi o gol máis importante da miña carreira. Para min foi un regalo de Deus. Naqueles momentos non deixaba de pensar nun amigo que estaba na UCI. Cando ía no autobús antes do xogo pensaba: 'Se Deus quere esta tarde voulle dedicar un gol'. Nunca lle puidera dedicar un gol a ninguén. Para min foi un regalo de Deus".

Noticias web

19/05/2020