20.000 veciños da Pobra do Caramiñal e O Grove, pechados perimetralmente pola explosión de contaxios
• Sanidade avaliará o próximo martes o efecto da Semana Santa na evolución da pandemia
No Grove viven máis de 10.000 persoas que non poden saír do concello sen causa xustificada. Coa hostalería pechada quédalles pasear sós ou cos conviventes a carón do mar. A incidencia da covid disparouse moi por riba do risco extremo. A explosión de contaxios foi anterior á Semana Santa e a chegada de visitantes. E está vinculada, explica o alcalde, a gromos por reunións familiares e de amigos en espazos privados.
"Solicito moita responsabilidade aos veciños e veciñas porque esa confianza no ámbito familiar é o que está producindo os diferentes gromos e que nos está levando a este peche colectivo que afecta toda a vila do Grove", dixo o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos.
Outros concellos das Rías Baixas miran con temor o que pasou na Pobra e no Grove. É o caso da Illa de Aousa que xa entrou este xoves en nivel alto de restricións. Tamén aquí a hostalería e os seus provedores levan economicamente a peor parte. Contaban coa repunta turística e non da covid.
"Traballouse ben. Metemos catro empregadas máis e esta fin de semana iámolas volver meter, pero ao quedar só coa terraza...", explica resignada Carmen Outeda, dun coñecido restaurante da Illa de Arousa.
E é ainda moi cedo para saber se o aumento da mobilidade da semana pasada ten ou non consecuencias na pandemia.
"Hai que esperar ata o martes para se ese efecto dos festivos de Semana Santa se ve reflectido dalgúns xeito. Imos ser prudentes e agardar ao martes", asegurou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña nunha entrevista na Radio Galega
De momento os principais indicadores da covid manteñen a Galicia nunha boa situación epidemiolóxica.