CRTVG

Buscar

2.000 paros cardíacos ao ano en Galicia, cada segundo conta para salvar unha vida

Publicado o 15/10/2021 14:56

En Galicia prodúcense ao ano dúas mil paradas cardíacas, e delas, o 70 ou 80 por cento danse fóra do ámbito hospitalario. De aí a importancia de sensibilizar e instruír os cidadáns en soporte vital básico, ou, o que é o mesmo, en reanimación cardiovascular básica, porque con só as súas mans poden salvar unha vida. É o que aprenderon esta mañá persoal e usuarios do CHUAC nun taller neste Día Europeo da Parada Cardiopulmonar.

Cando unha persoa sofre de xeito repentino e inesperado unha parada cardíaca hai que actuar rápido. Cada segundo conta porque se non se fan as manobras pertinentes, a porcentaxe de seguir con vida é cero. Así que hai que poñer en marcha a cadea de supervivencia no menor tempo posible. O primeiro, pedir axuda ao 061 ou ao 112 e a partir de aí comprobar que o paciente está en parada cardíaca.

Por iso, desde o CHUAC organizaron esta actividade formativa co obxectivo de aumentar o número de persoas que coñezan como actuar ante unha situación coma esta.

Como aprenderon hoxe estes pequenos de Ferrol. Porque moitas veces son eles os que están ao coidado dos seus avós ou con calquera outra persoa coa que conviven e de darse unha situación destas, poderán salvar unha vida. Ou polo menos, intentalo.

Noticias web

15/10/2021