CRTVG

Buscar

Libros e material escolar suman unha factura aproximada de 300 euros por alumno

Publicado o 10/09/2019 14:40

Nais e pais de escolares de infantil e primaria teñen estes días cita ineludible coa librería, porque toca volver ás aulas e estrear curso. Isto supón a adquisición de material para levar a cabo as distintas actividades escolares.

Un pai explica que está na librería para ver o material necesario para empezar o curso.
Son días de movemento neste tipo de tendas e non só porque deixamos as compras para última hora.

Lita Cutrín Ares, da librería Lino, di que "non é xeral, non todo o mundo, pero si que é certo que deixamos todo para os últimos días, a última semana... Imos de vacacións, preparamos todo para iso e deixamos o importante, que é o material escolar. Tamén é certo que non sempre os centros poñen as listas de material en xuño, ás veces tamén deixan para setembro".

A nai dunha escolar de primaria destaca que as axudas públicas permiten empezar o curso cun gasto asumible.

Unha nai de escolar de primaria explica que os libros proporciónanllos no colexio, do fondo de libros e danlle un cheque para o material e "iso axuda moito".

Lita ten vinte e cinco anos de libreira e neste tempo variou notablemente a actividade cara ao comezo do curso. A libreira de Lestedo explica.

"Agora hai o fondo de libros, as axudas da Xunta, reutilízanse moitos libros. Hai centros que, ao mellor, botan dez anos cos mesmos libros, algo que eu aprobo totalmente, os editores claro que non o aproban".

Mochila, pinturas, cadernos, e todo o material escolar necesario para empezar o curso máis libros, pode supoñer unha factura aproximada de 300 euros por alumno.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/09/2019