CRTVG

Buscar

170 adegas participan en Santiago no certame de catas de augardentes e licores

Publicado o 14/06/2019 13:12

Poñer en valor e medir a calidade dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia. É o obxectivo do certame de catas que se está a desenvolver en Santiago, e no que participan máis de de 170 adegas.

As augardentes e os licores tradicionais galegos son os protagonistas da última xornada do concurso de catas que cada ano organiza en Santiago a Consellería de Medio Rural. Sete catadores profesionais son os encargados de avaliar as producións e elixir os gañadores do que é o certame máis importante do sector.

Mar Vilanova, investigadora CSIC: "Unha parte importante é a calidade aromática, describir sensacións en nariz, e que marque as características das variedades coas que se elaborou, e en boca que non sexa picante".

Luís Buitrón, presidente da Asociación Galega de Enólogos: "O que buscas é que non teña ningún defecto que poda descualificala, que neste caso é difícil porque todas as augardentes están controladas polo consello regulador".

Son catas a cegas en que deberán mirar, ulir e saborear 14 augardentes, 15 mostras de licor de herbas e outras 11 de licor café. Produtos que proceden de 16 adegas e que optan a premios en 5 categorías. É o colofón a unha semana de catas na que tamén se analizou a calidade de case 400 mostras de viños galegos.

Manuel Rodríguez Vázquez, director Axencia Galega de Calidade Alimentaria: "A viticultura galega posicionouse líder a nivel estatal, somos líder en exportacións, en base ás nosas D.O.".

Unha viticultura baseada no singular das variedades galegas, que xa se degustan en todo o mundo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/06/2019