CRTVG

Buscar

150 empresas galegas contactan con importadores de 30 países en Exporpymes

Publicado o 15/10/2019 15:03

As cámaras de comercio consideran que, sexa como sexa o brexit, o Reino Unido vai seguir sendo un socio comercial preferente das empresas galegas. A proba dese interese é a presenza de 5 grandes importadores dese país na Feira da Exportación que organizan hoxe na Coruña.

O Reino Unido é o cuarto país ao que máis lle vende Galicia, cunha facturación global de 1.600 millóns de euros. As 502 empresas galegas que exportan ao mercado británico e as máis de 700 que importan levan tempo pendentes de como lles vai afectar o brexit.

"Realmente de momento non o sabemos; a situación actual é de incerteza", di Alberto Oliva, responsable de Comercio Exterior da Cámara de Comercio de España no Reino Unido.

Pese a esa incerteza e á ralentización que se aprecia neste mercado nos últimos meses, os técnicos de comercio exterior consideran que o Reino Unido seguirá sendo un socio comercial preferente.

"Confiamos en que o mercado vai seguir estando aí, vai seguir demandando produtos tanto de Galicia coma do resto de España, porque dos produtos agroalimentarios a gran parte impórtana; daquela van seguir precisando este tipo de produto", explica Alberto Oliva.

De feito, os importadores británicos acudiron unha vez máis a Exporpymes, o mercado de exportacións organizado polas cámaras de comercio galegas. Nesta sexta edición participan 150 empresas e 90 importadoras de 30 países. A novidade deste ano é a alta participación de compradores de África.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/10/2019