Catorce positivos no cribado do Barco ao que só asistiu o 40% dos mozos citados
Publicado o 14/07/2021 21:25
O resultado do último cribado feito á mocidade no Barco detectou que 14 persoas deron positivo por coronavirus. O dato preocupante é que só acudiron 843 mozos, pouco máis do 40 por cento dos que estaban convocados.
Mozos de 16 a 35 anos facían cola dende as tres e media da tarde para acudir ao cribado a que foron convocados. Son tests de antíxenos cos que ao momento xa poden saber o resultado.
O cribado pretende frear o virus, que non continúe espallándose entre a mocidade. E é que a situación preocupa no Barco, con 96 casos, que dende o sábado pasa a nivel alto.
En Sanidade lembran a importancia de acudir a estes cribados. Este xoves hai outro a 3.000 mozos en Ourense que se vai estender ata o venres polo éxito na autocita.