CRTVG

Buscar

14 anos de cadea para o autor do crime de Chantada

Publicado o 19/05/2017 19:30

O condenado teralle que pagar máis dun millón de euros a súa ex-parella, a quen deixou con secuelas de por vida ao dispararlle na cabeza

Xa hai sentenza para o veciño de Chantada que disparou na cabeza a súa parella, deixándoa con secuelas para toda a vida. Terá que cumprir catorce anos de cadea e indemnizar a vítima con máis dun millón de euros. O xurado popular atopouno culpable dun delito de asasinato en grao de tentativa e doutro de tenencia ilícita de armas.

A Audiencia Provincial de Lugo condena a 14 anos de prisión a Antonio Fernández, un hostaleiro de Chantada acusado de disparar na cabeza a súa parella no interior da hamburguesería na que ambos traballaban. O xurado popular considérao culpable dun delito de asasinato en grao de tentativa e doutro de tenencia ilícita de armas. Ademais, terá que indemnizar a vítima cun millón trescentos mil euros.

A rapaza padece graves secuelas a raiz da agresión e perdeu case todas as súas facultades e a súa situación é de total dependencia. 

O suceso ocorreu en agosto de 2014 en Chantada durante as festas patronais. Logo dunha discusión, o hostaleiro pegoulle un tiro na cabeza a súa parella e empregada cunha pistola co número de serie borrado. O agora condenado foi detido no mesmo lugar dos feitos e permaneceu dende aquela en situación de prisión preventiva no cárcere de Monterroso. No xuizo celebrado hai quince días, a súa defensa alegara que se atopaba baixo os efectos da cocaína no momento da agresión. Pero a sentencia conclúe que o consumo da droga non foi relevante como tampouco reduciu a pena polo feito de que o agresor confesara a autoría do disparo.

A cantidade da indemnización correspóndese coa que solicitara a acusación particular xa que a fiscalía reducíraa a 15.000 euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/05/2017