CRTVG

Buscar

13 persoas feridas, unha delas grave, nun incendio nunha vivenda en Mieres

Publicado o 13/11/2019 08:55
13 persoas feridas, unha delas grave, nun incendio nunha vivenda en Mieres

Trece persoas quedaron feridas, doce delas leves por intoxicación de fume e unha grave por queimaduras de segundo grao no 40 por cento do seu corpo, nun incendio rexistrado de madrugada nun inmoble de Mieres (Asturias).

O lume, do que se deu aviso pasadas as 1:00 horas deste mércores, orixinouse nunha vivenda situada na terceira planta dun inmoble de cinco alturas situado no número 2 da avenida Ramón Pérez de Ayala, que foi desaloxado.

A ferida grave é unha muller de 44 anos que foi rescatada polos bombeiros do interior da vivenda en que se orixinou o incendio.

Segundo os datos facilitados polo Servizo de Atención Médica Urxente (SAMU), a muller sufriu queimaduras de segundo grao no 40 por cento do corpo e o seu prognóstico é grave.

O lume, que obrigou ao desaloxo do edificio durante os labores de extinción, afectou dúas vivendas.

Tras extinguir o incendio e revisar o inmoble, os veciños puideron regresar ás súas vivendas pasadas as 4:30 horas.