CRTVG

Buscar

Rememoran o rescate do City of Agra, hai 122 anos en Camelle

Publicado o 03/02/2019 16:55

A campá orixinal de City of Agra, hoxe pendurada no campanario de Camelle, que dá aviso do seu propio naufraxio 122 anos despois de embarrancar nos baixos do Conesudo nun forte temporal.

"Viñan 75 persoas a bordo e desas 75 faleceron 32. Aquí salváronse nesta costa 33 e 10 foron recollidas mar aberto, por outro barco. E a maior parte deses superviventes foron salvados por tres embarcacións de Camelle: a Mercedes, Pedro e Manuel", conta Fernando Patricio Cortizo, organizador do 122 aniversario do naufraxio do City of Agra.

"Sempre me dicían da valentía que fixera meu bisavó, seu avó, saíren con aquela vaga de mar, rescatar aquela xente. Ían remando desde Camelle ata praia de Arou, e incluso foron rescatar un bote que ía con eles cara a Area de Traba, ían a unha morte segura", conta Manolo Suárez, bisneto dun dos rescatadores.

"A tripulación do City era, a mariñeiría, hindús, o que os británicos chamaban lashkars, que eran todos os asiáticos que estaban polo leste do cabo de Boa Esperanza, e a oficialidade era británica. Entón deses 32 que se salvaron, 19 eran hindús e 13 eran británicos".

"A xente de Camelle faise cargo dos náufragos, que é o que simbolizamos agora ao chegar aquí. Moitos deles non chegaron con tanta roupa, caeron ao mar, ían durmindo. A xente de Camelle deulles roupa, deulles acubillo e deulles víveres. O pouco que tiñan e que posuían".

"Pobriños os coitados mariñeiros, pobres os afogados", din os versos do poeta Antón Zapata García.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/02/2019