CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

120 reses de todo o país participan no concurso de gando de raza frisoa que se celebra na Moexmu

Publicado o 01/04/2016 20:50


A vila de Muimenta, en Cospeito, celebra dende hoxe unha mostra á que acoden os mellores exemplares dunha vintena de ganderías de todo o país. A maioría son cabezas de raza frisoa, que participan nun concurso ou nunha poxa. Ademais, na Moexmu exponse a maquinaria agrícola máis moderna.

A Mostra Exposición de Muimenta, a Moexmu, é un dos principais escaparates para o gando da raza frisoa. Hai ata 120 exemplares de 19 ganderías de todo o país. Co fin de obter premios no concurso ou de cara á súa venda na poxa, os manexadores afánanse en darlles os últimos retoques ás reses.

"É unha recompensa satisfactoria, a de ver que o teu traballo funciona. A todo o mundo nos gusta ter ben os animais". "Estas son vacas que veñen á exposición. Mañá van competir no concurso coas mellores vacas de toda Galicia. Non é a nosa intención vendelas, pero todo ten un prezo". "É o traballo de pelalas e domalas, que é o máis traballoso. Telas limpas e preparadiñas para chegar aquí", sinalan manexadores e gandeiros.

Na Moexmu tamén se expón gando de raza rubia. É o caso de Perico, un touro de ACRUGA que acada os 1.600 quilos de peso.

"Vimos expoñer un pouquiño a nosa raza. E entón traémolos un pouquiño preparados, lavados e presentables". "Lavámolos, preparámoslles o pelo e as uñas. Preparámolos o máximo posible para que dea gusto velos", din os responsables do gando de raza rubia.

Pero a Moexmu non é só unha feira de gando. Nesta mostra agropecuaria tamén se amosa a maquinaria máis innovadora, como esta muxidoira automática, ou os últimos modelos de tractores.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí