CRTVG

Buscar

O cribado ao que non acudiron mil veciños do Grove detecta 12 positivos

Publicado o 12/04/2021 15:34

Un milleiro de veciños non acudiron ao cribado celebrado no Grove, e iso que as noticias de propagación son moi preocupantes.

"De 0 casos estamos case en 80, e a verdade é que a xente está moi nerviosa, ten moito medo", fala Liana Bastos, propietaria dunha zapatería.

"E estamos aínda nunha gráfica de subida, e entón é moi preocupante, si", apunta Fran Candal, xefe da Policía Local do Grove.

Antonio é un dos que non foi a facer a PCR.

"Eu non fun, basicamente porque non me dixeron nada, non tiven mensaxe de que me pedisen ir, iría se mo dixesen", laméntase Antonio Garrido, xoieiro. 

"Por exemplo, hai xente que a pillaron fóra do Grove, a min mandáronme a mensaxe case ás oito da tarde. Eu porque son autónoma, pero hai moita xente que ten que pedir no seu traballo, moitos eran estudantes tamén que estaban fóra e ata o venres non chegan, entón eu penso que non estaba ben organizado", fala Liana.

"Eu podo dicirche que cando se fixeron en farmacias había colas para facer esas PCR", indica o xefe da Policía Local do Grove.

O Grove leva dende o xoves no nivel máximo de restricións. A hostalería está pechada e o comercio pasando horas moi baixas.

"Si, dende que empezou o peche, eu non facturei absolutamente nada, nin unha soa peza", coméntanos Maite Márquez, que rexenta unha tenda de roupa.

Tamén están pechados perimetralmente. Con todo, a policía detectou movemento esta fin de semana.

"Había dúas persoas de Madrid sen ningún tipo de causa xustificada, o sábado na quenda de mañá houbo 12 e o domingo foron 21 propostas de sanción", informa Fran Candal, xefe da Policía Local do Grove.

Noticias web

12/04/2021