CRTVG

Buscar

11.000 axentes participan nun dispositivo especial de vixilancia polo Nadal

Publicado o 24/12/2020 08:30

Estes días increméntase a presenza de viaxeiros nas estacións de autobuses e tren e tamén os desprazamentos por estrada dos que van visitar a familia para pasar as festas. Tamén nas rúas e centros comerciais hai máis actividade polas compras de Nadal.

Para evitar que se produzan aglomeracións e garantir que se respetan as normas, notaremos unha maior presenza policial nas rúas. 11.000 efectivos da Policía Nacional, Autonómica e Local redobran esforzos para vixiar polo cumprimento das medidas de seguridade.

O dispositivo especial que se desprega ata o domingo, fará fincapé pola noite nas zonas de lecer e no cumprimento do toque de queda que hoxe se amplía ata a 1 e media da mañá.

Os responsables policiais lembran que nos concellos que están perimetrados seguen en vigor as restricións e só se permite saír ou entrar no suposto de que se vaian visitar familiares para celebrar as festas. É a única excepción de mobilidade.

De cara á Noitevella porase en marcha outro dispositivo especial, pero deseñaráse tamén en función das medidas que adopte o comité clínico na xuntanza do próximo luns.

Noticias web

24/12/2020