CRTVG

Buscar

Bos días

100 días do ascenso ao Goberno da Arxentina do neoliberal Mauricio Macri

Publicado o 17/03/2016 09:45

E na Arxentina fai 100 días do ascenso ao Goberno do neoliberal Mauricio Macri.
Un período marcado pola apertura internacional do país, a eliminación do cepo cambiario ao dolar e, especialmente, polo acordo cos coñecidos como fondos voitre que permitirá ao país volver buscar financiamento exterior a unha taxa de xuro aceptable.

Non era o favorito nas eleccións xerais e gañou nunha segunda volta con moitos votos prestados, pero en só 100 días de goberno Mauricio Macri logrou devolver A Arxentina á axenda internacional, levantar o cepo ao dolar para normalizar o mercado e a fuga de divisas e solucionar o conflito cos fondos voitre.

Un acordo cos 'holdout' que xa conta coa aprovación da Cámara dos Deputados, e a falta do consenso do Senado - onde ten maioría a opositora Fronte para a Vitoria-, suporá que o país austral poida saír á busca de financiamento nos mercados internacionais a unha taxa do 4,5%.

Mauricio Macri, presidente da Arxentina
"O non acceso ao crédito custoulle á Arxentina 100.000 millóns de dólares e máis de dous millóns de postos de traballo que non se crearon".

Pero non foi un camiño sinxelo. A pesar de quitar o polémico imposto de ganancias á clase media, Macri tivo que eliminar subvencións e facer recortes no sector público para lograr así abandonar a idea de Estado como sostén de máis dun terzo da poboación.

Unha forte inflación, situada xa arredor do 30% anual, a falta de cifras oficiais, é o talón de Aquiles herdado do kirchnerismo.

O Goberno de Macri asegura que lograrán normalizar a situación contra finais de ano e reducila a un díxito para 2019.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

17/03/2016