Compartir en Facebook

Os Bolechas

Os Bolechas son, desde fai case 14 anos, a revelación editorial en Galicia e son, á súa vez, os protagonistas da máis importante e afamada serie da nosa literatura infantil. Con máis de 400 títulos publicados e preto de 1.500.000 exemplares distribuídos, causan furor e contan cunha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, o que os converteu nun auténtico fenómeno cultural galego.

O seu éxito, en palabras do seu creador, Pepe Carreiro, débese a que os seus protagonistas, seis irmáns (Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e o pequeno Tatá) xunto co seu incondicional can, Chispa, viven aventuras nas situacións e realidades cotiás dos nenos: a escola, a casa, o parque, o autobús, a praia… Esta proximidade, a súa linguaxe, a súa forma de expresarse, é o que fai que os nenos se sintan cómplices e co-protagonistas das súas aventuras.

Pero ademais, Os Bolechas son cultura raíz e contribúen á divulgación e á formación, mediante o pracer e o divertimento dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia.

Unha singularidade e un trazo diferencial dos Bolechas é que é unha serie creada e desenvolvida en Galicia e que, ademais, utiliza o galego na súa versión orixinal polo que xoga un importante papel na promoción e difusión do idioma, ata o punto de que moitos nenos e nenas teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico.

PERSONAXES

Carlos: é o irmán maior (uns 7 anos), é o “responsábel” e o que, por idade, ten que facerlle fronte ás situacións máis comprometidas, non sen medo; é o que máis relación ten con Chispa, o can da serie; é comellón; algo brutote; equilibrado; os seus xoguetes favoritos son os bonecos tipo “Supermúsculos”.  

Loli: xunto con Pili, a súa irmá xemelga, é a segunda en idade (uns 6 anos); é bulideira, activa, positiva; un punto frívola; xoga tanto con coches teledirixidos coma con bonecas.

Pili: é semellante á súa irmá xemelga, se cadra, un punto máis seria. Gústanlle os oficios tradicionalmente de homes: mecánica de automoción, carpintaría, etc.

Braulio: é o terceiro en idade (5 anos); tímido, non quere que o vexan en coiro nin na súa intimidade; é o máis cerebral dos irmáns e, por iso mesmo, algo despistado; gústanlle os instrumentos de música e os ordenadores, ademais doutros xoguetes de tipo “científico”.

Sonia: é a cuarta en idade (3 anos); é caprichosa e algo contista e acusona; un pouco “maruja”; ten moito meco; gústalle andar con cousas de mulleres adultas: bolsos, zapatos de tacón, barra de labios; os seus xoguetes favoritos son os relacionados cos salóns de peiteado e a “estética”; devece polas princesas.

Tatá: é o mais pequeno da familia (9 meses); aínda non fala, nin anda; é un bebé “serio”, pouco dado as andrómenas propias da súa idade; curioso; a súa compañía inseparábel é o chupete; lévase ben con Chispa, se cadra, porque ningún dos dous fala.

Chispa: é un can de raza husky siberiana; anda sempre entre os donos; a súa presenza, aínda que discreta, faise notar; é un can de peso, pouco dado a ladrar sen motivo

Ademais destes protagonistas, na serie hai varios personaxes secundarios, entre os que destacan a nai e o pai, avós, amigos…

Os Bolechas One2Three

Galería de imaxes

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí