Dragon Ball GT
Songoku está a adestrar o pequeno Boo. Ambos os dous desprenden tanta enerxía que deixan o planeta e o templo case destruído. Mentres, Pilaf ten no seu poder as sete bólas máxicas que foran feitas antes de que a forza do Deus da Terra e a do Deus Picoro se dividisen. Pilaf invoca o dragón Shenrom para formularlle o seu desexo: dominar o mundo. Pero nese momento irrompe Songoku e Pilaf, espontaneamente, formula o primeiro que lle vén á mente: que Songoku sexa do seu tamaño. Invocado xa o dragón, cúmprese o desexo de Pilaf e Songoku volve ser un neno de cinco anos. Deste xeito, Pilaf perde a oportunidade de dominar o mundo.
Agora Songoku só poderá recuperar a súa verdadeira idade se reúne todas as bólas máxicas das estrelas negras para invocar o dragón Shenrom e pedirlle o seu desexo, pero como lle di Popo, as bólas andan espalladas por todo o universo e non vai ser doado xuntalas. A Songoku parece divertirlle moito o seu cambio e non lle importaría ser un neno para sempre, de non ser porque se non reúne as sete bólas antes dun ano, o planeta Terra e os seus habitantes desaparecerán.