CRTVG

Buscar

Está pasando

Rodríguez Miranda: "Multiplicouse por tres o número de retornados dende Venezuela"

13/08/2017 14:50
O Secretario Xeral de Emigración explicou nunha entrevista este domingo na Radio Galega que "nos últimos anos foi incrementándose de maneira moi importante" o número de emigrantes retornados dende Venezuela: "Diríamos que se multiplicou ata por 3 ou por 4". Antonio Rodríguez Miranda sinalou os problemas de seguridade ou de abastecemento de alimentos e medicinas cos que se atopan os galegos que residen nese país e conclúe que "algún tipo de solución hai que buscar, pero este non é o camiño que un pais poida soster porque está esmorecendo pouco a pouco".

Rodríguez Miranda tamén explicou na entrevista na Radio Galega que Emigración ten aberto ata o 29 de setembro o prazo para presentar solicitudes a unha liña de subvencións de ata 8.000 euros para galegos do exterior que retornen á comunidade e creen a súa empresa: "Con isto Galicia enriquécese", afirma o Secretario Xeral que subliña que "incorporamos novas persoas ó mundo laboral galego que ademais nos poden axudar a contratar a outros traballadores que poidan estar en desemprego". Dende que se puxera en marcha esta liña de axudas impulsáronse ó seu abeiro 51 proxectos emprendendores na nosa comunidade.