CRTVG

Buscar

Está pasando

Puigdemont aceptaría ir ao Congreso se hai acordo sobre o referendo

19/05/2017 19:53
O Goberno reta ó presidente da Generalitat a defender e debater no Congreso a súa proposta dun referendo de independencia. A vicepresidenta destaca que Carles Puigdemont poderá así buscar apoios para unha reforma da Constitución que faga legal a consulta, e advirte que ese é o único camiño que ten.

O presidente da Generalitat faille unha contraoferta ó Goberno: aceptaría ir ó Congreso se antes hai un acordo co goberno central sobre o referendo. Minutos antes dun acto en Barcelona, Carles Puigdemont interpretou que a proposta do Executivo central demostra que está disposto a negociar un pacto que despois debería avalar o Parlamento.

O PSC pediulle a Puigdemont que non deixe pasar esta oportunidade, que demostre que de verdade quere negociar e que leve a súa proposta de referendo ó Congreso.

Mentres, o líder de Podemos cualificou de "enormemente sensato" que o Goberno invite ó presidente da Generalitat ó Parlamento. En opinión de Pablo Iglesias, o debate sería un avance democrático.

Tamén Ciudadanos considera lóxico que Puigdemont vaia ó Congreso. Inés Arrimadas pediulle que dialogue coas outras forzas políticas en lugar de facer monólogos.