CRTVG

Buscar

Está pasando

Patxi López, na RG: "Non quero ser secretario xeral para cargar a ninguén, senón para sumar a todo o mundo"

21/04/2017 09:54

O precandidato á secretaría xeral do PSOE, Patxi López, asegurou nunha entrevista no "Galicia por diante" que non retirará a súa candidatura nin a fusionará coa doutro precandidato.

Confirma que "haberá unha papeleta o 21 de maio que poña Patxi López e que signifique unir o partido e que signifique un proxecto de esquerdas, absolutamente seguro. É verdade que ás veces semella máis visible o choque de trens entre Pedro Sánchez e Susana Díaz, pero hai unha maioría de militantes que non queren ese choque de trens porque non evita a división, senón que a mantén. En lugar de votar para dividir, para ver como nos enfrontamos, hai que votar para unir".

Advirte que "se seguimos divididos, dará igual quen gañe as primarias, porque imos perder todos e polo tanto temos que poñer toda a nosa vontade política para volver unirnos".

Reivindica que o seu compromiso é o de unir o partido e apunta que "se son secretario xeral, chamarei o resto de candidatos para nos sentar nunha mesa e dicir 'acabouse a broma'", e engade que un dos seus obxectivos será "ver como sumamos, como integramos as distintas sensibilidades e vontades que hai neste partido. E, se non son secretario xeral, tamén chamarei o que gañe para me poñer á súa disposición, pero non para integrar a Patxi López, que iso é o de menos, senón para axudar a sumar e integrar, que é o que necesitamos. A unidade no PSOE xa non é unha opción; é unha obriga".

Advirte que o PSOE non pode saír deste proceso cun "congreso frustrado coma noutras ocasións" e di que "dos últimos congresos saímos con aparencia de unidade, pero no fondo non existía. O que non pode ser é que o que non gañe organice unha especie de oposición interna á nova dirección. Por iso eu prefiro direccións e executivas compartidas que recollan distintas sensibilidades para facelas máis fortes e máis representativas. Eu non quero ser secretario xeral para cargar a ninguén; ao revés, quero ser secretario xeral para sumar a todo o mundo".

Patxi López, que estivo xa en varias ocasións en Galicia dende que presentou a súa precandidatura, di que a militancia galega quere o mesmo que a do resto de España, que é "recuperar o PSOE, unilo e saír á rúa cun proxecto que volva ilusionar e que sexa a esperanza para a maioría progresista deste país".

O precandidato socialista á secretaría xeral cre que o PSOE ten que "definir o noso propio proxecto nunha esquerda clara, nítida e alternativa á dereita. O noso obxectivo non é pactar con Podemos, senón gañar ao PP".

Admite que non estaba a favor de absterse na investidura de Rajoy. Con todo, insiste en que foi unha decisión adoptada polo partido, de xeito democrático, que tivo que acatar.