CRTVG

Buscar

Está pasando

O Comité de Bioética pide que se prohíba a xestación subrogada

19/05/2017 19:54
O Comité de Bioética de España pide prohibi-la maternidade subrogada en todo o mundo.

O órgano asesor do Goberno en cuestións éticas e de saúde considera que esta práctica implica a explotación da muller e dana os intereses superiores do menor.

En España os ventres de alugueiro están prohibidos dende o ano 2006.

O Comité de Bioética de España publicou na súa páxina web un informe sobre os aspectos éticos e xurídicos da maternidade subrogada.

Un informe resultado da preocupación dos membros deste órgano, segundo aseguran, ante o debate na rúa e nas institucións sobre a conveniencia de legalizar ou non os ventres de alugueiro.

Os membros do Comité acordaron por maioría, cun único voto particular, un marco internacional común regulatorio que prohiba a maternidade subrogada pra garanti-la dignidade da muller e do neno.

O órgano asesor insta ó Goberno a dotar "de verdadeira eficacia legal a nulidade" dos contratados de xestación subrogada tramitados por cidadáns españois no estranxeiro.

Neste sentido reclama que se considere a posibilidade de sancionar ás axencias que se dedican a esta práctica.

Ademais, o Comité de Bioética solicita unha "transición segura" que evite que queden desprotexidos os nenos resultantes de procesos de maternidade subrogada que están en marcha nestes momentos noutros países.
Neste sentido pide que se atenda ó ditado polo Tribunal Supremo que en 2015 determinou que eses nenos non poden ser rexistrados en España.

O Comité xa remitiu o informe, que non é vinculante, ós Ministerios de Xustiza e Sanidade. Fontes deste último xa informaron que o estudarán.