CRTVG

Buscar

Está pasando

Juan Díaz Villoslada: "Sería enganoso para a militancia que unifiquemos agora candidaturas"

13/09/2017 10:03
O candidato ás primeiras socialistas, Juan Díaz Villoslada, cre que os aspirantes a dirixi-lo partido NON deberían unificar candidaturas a estas alturas do proceso. Ó seu xuízo, o momento para facelo era antes de coñecerse o calendario ou unha vez o proceso estea finalizado. O contrario sería enganar á militancia. "Tódolos que iniciamos esa carreira debemos te-la intención de chegar ata o final -asegurou nos Almorzos do Galicia por Diante-. O momento das alianzas ou é anterior ó inicio do calendario oficial de primarias ou a posteriori. No medio sería enganoso para os nosos militantes".

Villoslada asegura que a campaña está sendo limpa por parte de tódolos aspirantes malia as críticas vertidas por Gonzalo Caballero contra el por ter sido subdirector xeral de administración local con Manuel Fraga. "Creo que hai xogo limpo entre nós aínda que ás veces -os candidatos- embarran un pouco", confesa. O candidato socialista afirma que non se debería entrar neste tipo de estratexias políticas xa que "eu vexo que iso non é o que queren escoitar os militantes" e di sentirse "orgulloso da miña carreira profesional, non teño nada que ocultar".

Villoslada asegura que a diferenza entre os tres aspirantes está na capacidade de cada un de abrir unha nova etapa no partido e neste senso el di sentirse "absolutamente libre".

Cre que, por cortesía parlamentaria, o Debate do Esatdo de Autonomía non debería celebrarse ata que o PSdG escolla o seu novo líder e amosa a súa preocupación pola posibilidade de que o referendo ilegal de Cataluña acabe contaminando o proceso de primarias socialistas.

DEBATE DE AUTONOMÍA, REFORMA SANITARIA E MEIRÁS

Villoslada xustifica a decisión do psdg de votar en contra da proposta do bng para fixar un cupo económico para Galicia. "Consideramos que non era tecnicamente viable, tampouco economicamente positiva nin oportuna en termos da situción política actual".

O candidato ás primarias socialistas critica ó Ppdg por ter sometido a información publica, en pleno mes de agosto, o anteproxecto de lei para a modificación da Lei de Saúde da Galicia e reclama á Familia Franco que devolva ó patrimonio galego o Pazo de Meirás xa que "é un síbolo da represion franquista en Galicia". Ademais, pídelle á xustiza que estude a posibilidade de ilegalizar a Fundación que leva o nome do dictador. "Calquera Fundación que poda dar lugar a indicios de manifestacións de odio debe ser perseguida pola xustiza", asegura. "Nós pedimos unha acción da xustiza para investigar se as manifestacións da Fundación Franco están dentro do marco legal ou non".