CRTVG

Buscar

Está pasando

Hai dous incendios activos, un en Narón e outro en Oza-Cesuras

21/04/2017 11:12

Nestes momentos hai dous incendios forestais activos en Galicia. Un é o que se declarou onte en Narón, que leva queimadas unhas duascentas trinta hectáreas, e outro o de Oza-Cesuras, tamén na provincia da Coruña, que empezou de madrugada.

Segundo informa a Consellería do Medio Rural, segue activo o incendio declarado onte á mañá na parroquia do Val, no concello de Narón. O lume afecta tamén o veciño concello de Ferrol, onde de madrugada foi preciso desaloxar casas na parroquia de Covas pola proximidade das lapas.

A Xunta desactivou o nivel 2 neste incendio porque xa non representa un ameaza para as casas.

Non é o único incendio activo a esta hora. Contra as dúas da madrugada empezou un lume en Oza-Cesuras, na parroquia de Cis. Afecta a unhas 30 hectáreas. Esta mañá o lume quedou estabilizado.

Polo demais, nas últimas horas quedou controlado xa o incendio de Abegondo tras queimar 46 hectáreas. E están extinguidos os das Pontes e Negreira. Neste último arderon máis de 130 hectáreas de monte.