CRTVG

Buscar

Está pasando

Gonzalo Caballero, na RG: "É o momento de estar ao servizo da organización. Se teño que facer un esforzo para xogar un determinado papel, fareino"

19/06/2017 10:16

O socialista Gonzalo Caballero non descarta presentarse ás primarias á secretaría xeral do PSdeG. Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Caballero apuntou que "é o momento de estar ao servizo da organización. Se nesa liña de nova definición un ten que facer un esforzo para xogar un determinado papel, fareino. Galicia precisa ter un PSdeG forte, que sexa unha alternativa de goberno ao PP".

"Se o conxunto da organización considera que debo xogar un papel, xogareino; se non, seguirei xogando o papel de referencia de debate, de participación, que teño xogado dende hai moito tempo e sen pretensión persoal nin aspiración concreta. É certo tamén que ás veces hai que dar pasos adiante porque o conxunto da organización precisa pulos e necesita impulsos e, se non se dan tomado, seguiremos en terra de ninguén ou nun espazo perdido", engadiu o recentemente escollido como integrante do comité federal do PSOE.

Cre Gonzalo Caballero que o congreso do PSdeG e o calendario para as primarias hai que fixalo "o antes posible" para "empezar a traballar e recompoñer a estrutura orgánica e política do PSdeG, que agora é moi reclamado por toda esa esquerda que de repente ve que o PSOE abre unha nova etapa". E afirmou que "eu farei todo o que poida para que o PSdeG abra unha etapa de renovación e futuro que nos reconecte co electorado e coas bases da esquerda en Galicia e unha fase ademais que poida impulsar a nova etapa que está tendo o PSOE en España".

Ao preguntarlle sobre a decisión de incorporar no ideario do PSOE o recoñecemento de España como un Estado plurinacional, Gonzalo defende que "os cidadáns entenden que o país ten unha diversidade de nacionalidades entendidas, de distintas rexións e logo hai cuestións específicas que afectan á cuestión catalá, que é un problema de gobernanza do Estado que está enriba da mesa e que hai que darlle o axuste para conseguir acadar uns resultados que permitan un equilibrio de gobernanza do país, nun país que xa está moi descentralizado, pero no que haberá que facer algún axuste cando poida ser".

"Galicia é unha nacionalidade histórica e a partir de aí podería escribir moitas cuestións, pero á xente en Galicia non lle preocupa iso. A maior parte dos cidadáns neste momento teñen outra problemática na axenda política por efectos da crise e os recortes", engade.

O socialista considera que se abre unha nova etapa no PSOE que "recupera a ilusión do conxunto do partido e tamén dos votantes que se afastaron" e apunta que "temos un partido máis aberto, con formas máis participativas de goberno".