CRTVG

Buscar

Está pasando

Francia reforza a seguridade para as eleccións do domingo despois do atentado de París

21/04/2017 10:13

Francia reforza o seu dispositivo de seguridade ante a primeira volta das eleccións presidenciais que se celebra este domingo. Despois do atentado rexistrado a pasada noite na zona dos Campos Elíseos en París, o Goberno francés anuncia que o día dos comicios se van despregar cincuenta mil policías e militares para que todo transcorra con normalidade.

O Goberno francés celebrou a primeira hora da mañá unha reunión de crise tras o tiroteo en que morreu un policía e outras tres persoas quedaron feridas.

Ocorreu contra as nove do serán, na zona dos Campos Elíseos, un dos lugares máis concorridos da capital francesa. Un home abriu fogo contra unha patrulla de policías, tentou escapar a pé e abatérono.

O Daesh reivindicou o ataque e Francia lanzou unha orde de busca e captura contra un sospeitoso de estar relacionado co atentado. Segundo acabamos de saber, ese home presentouse nunha comisaría de Bélxica esta mesma mañá.