CRTVG

Buscar

Está pasando

Pasou a disposición xudicial o matrimonio detido en Ferrol por supostamente agredir a dúas persoas cunha catana

19/05/2017 10:18

En Ferrol, esta mañá pasaron a disposición xudicial os dous detidos como presuntos autores da agresión cunha catana a unha parella este mércores no barrio de Recimil.

Os detidos son un matrimonio que leva dende o mércores nas dependencias da Policía Nacional e todo apunta a que esta mesma mañá van pasar a disposición xudicial por se-los presuntos autores da agresión a dúas persoas nunha pelexa no barrio de Recimil.

Segundo distintas fontes consultadas por esta emisora, a pelexa comezou logo de que un dos feridos lle chamase a atención a un dos detidos polo ruído que facía o seu can.

O dono do animal, acompañado da súa irmá, foi á casa do agresor para falar sobre o comportamento do can e aí comezou unha pelexa na que se viron involucradas varias persoas e que rematou coa detención do matrimonio, os presuntos agresores.

Os feridos foron atendidos no primeiro momento no hospital Arquitecto Marcide. A muller foi dada de alta, pero o home tivo que ser trasladado ó Hospital Universitario da Coruña, onde foi intervido de urxencia de varios cortes nos tendóns das mans.