CRTVG

Buscar

Está pasando

España quéixase ao embaixador de Venezuela polas "ofensas" de Maduro

17/02/2017 15:01

O Ministerio de Exteriores convocou esta mañá o embaixador de Venezuela en Madrid para pedirlle explicacións sobre as descualificacións que Nicolás Maduro dirixiu contra Mariano Rajoy nas últimas horas.

O Presidente venezolano chamoulle a Rajoy "bandido" e "protector de delincuentes e asasinos", despois de que o xefe do Goberno español pedise a liberdade para os presos políticos de Venezuela a través das redes sociais.

Maduro engadiu literalmente que se lles rebentarán os dentes a Mariano Rajoy e a toda a dereita internacional se se meten con Venezuela.

O embaixador foi recibido a mediodía polo secretario de Estado para Iberoamérica no Pazo de Santa Cruz, onde mantiveron unha reunión de media hora. Á saída, o diplomático venezolano asegurou que o problema de fondo é unha campaña sostida nos últimos anos contra as institucións venezolanas. Engadiu que lle pediu ó secretario español que non se use o nome de Venezuela como instrumento de confrontación na política interna de España.

Do outro lado, Exteriores emitiu un comunicado no que apunta que lle trasladou o seu malestar ao diplomático polas palabras de Maduro e que lle ofreceu a intervención do Goberno español como intermediario para resolve-los conflitos internos venezolanos.