CRTVG

Buscar

Está pasando

Condenan a 14 anos de prisión ao home que disparou á súa parella en Chantada

19/05/2017 19:55
A Audiencia de Lugo condena a catorce anos e medio de prisión ó home que lle disparou a súa parella en Chantada.

Ademais, Antonio Fernández Fente non poderá achegarse durante quince á vítima, á que deberá indemnizar con máis dun millón de euros polas graves secuelas que padece.

Os feitos tiveron lugar o 26 de agosto do ano 2014, tras unha discusión entre a parella e despois de que ela tratase de marchar da hamburguesería de Chantada na que traballaba como camereira e da que o acusado era o propietario.

Para a Audiencia Provincial de Lugo, a intención de matar de Antonio Fernández Fente resulta 'inequívoca', xa que o disparo produciuse a curta distancia e na cabeza, nunha zona vital polo que o considera culpable do delito de asasinato en grao de tentativa e outro de tenza ilítica de armas e o condena a catorce anos e medio de prisión.

Ademais, en concepto de responsabilidade civil, deberá indemnizar á vítima con máis dun millón de euros polas lesións e secuelas que lle ocasionou, que a fan totalmente dependente, e pra cubrir todos os gastos que se han de xerar.

Un dos teléfonos de atención ás vítimas da violencia machista é o 016, chamada é de balde e non aparece na factura.